miércoles, 7 de diciembre de 2011

UNHA ESTRELA NO VENTO


Unha estrela no vento é a historia de Miguel Foz, un estudiante dun instituto vigués de bacharelato de dezasete anos. Comproba como o seu mundo derrúbase dun día para outro; farto do seu pai, da súa profesora de literatura, de toda a xente que o rodea, síntese que é diferente a todos. Recibe unha boa malleira, que o deixa eivado na casa durante días, mentres os seus colegas que frecuentan a sala de billar da cervexería Lagoa deciden vingarse por ela. Ábrese un enfrontamento entre dúas pandas que será moi diferente ó que todos eles agardan. Miguel Foz atopará no seu curmán Abel, que padece unha minusvalía física, e en Reina, unha moza xitana que vende rosas, o que é a solidariedade e o amor. Reina e Abel ensinaranlle a ver a vida dun xeito distinto.

martes, 29 de marzo de 2011

MORNIG STAR


Nun tempo dominado pola técnica, a velocidade e a eficacia, a beleza é un artificio. Para que algo sexa fermoso ten que ser extraordinario, raro, desmesurado, chamativo ou ferinte, para que non pase desapercibido, e para que fique ceibe da cadea do utilitarismo que inspira a tola productividade que define o noso mundo. Cecais por iso estamos perdendo a capacidade de achegarnos á beleza normal, sinxela, que convive con nós e cos nosos problemas, e que se resume nunha íntima sensación de pracidez. E por iso estamos tan abertos á recepción da fermosura incomprensible e sospeitosa, á que nos chega oficializada en experimentos ou exhibicións intectualizadas e rebuscadas, mentres poñemos en cuarentena todo aquilo que nos entra polos sentidos, sen censuras do cerebro, ata acougar sen enrugas no fondo da nosa alma.

LÚAS DE NÁCARA

O xardineiro Cosme traballa so as lúas de nácara, cando as sombras cobran luz e os amantes soñan con ser camelias e florecer mesmo no inverno. Henrique Bouzas, un emigrante retornado, acode a unha cita nos xardíns do sur para pagar a débeda que o seu avó mantiña cun dos seus familiares. Os refachos de néboa no camiño devolven o amor perdido á peregrina. Víctor, un xove escultor múdase ao Residencial Cero, unha novidosa urbanización de apartamentos sen fiestras nin portas que reúne soidades e constrúe un novo pensamento. Os médicos do servicio de urxencias diagnosticáronlle que o seu corazón fuxira do seu corpo?

A ESMORGA

A esmorga é a novela máis popular e lida de Eduardo Blanco Amor. Tivo que publicarse por vez primeira en Bos Aires ante a negativa da censura franquista a permitir que circulasen libremente as traxicómicas peripecias do Cibrán, o Bocas e o Milhomes nunha noite de bebedela polos arredores de Auria, a cidade literaria coa que Blanco Amor reelaborou desde a distancia o seu Ourense natal. A esmorga é unha novela na que alcanzan especial brillo as virtudes de Blanco Amor como escritor. A súa sorprendente potencia lingüística ponse neste relato ao servizo da narración duns feitos que desembocan en traxedia e que metaforizan un mundo sórdido e miserento do que non están exentos a imaxinación, a fantasía e o devezo dunha vida fermosa e mellor.

jueves, 10 de marzo de 2011

OLLOS DE AUGA

Neste segundo trimestre, os de 3º lemos, OLLOS DE AUGA de Domingo Villar. Unha novela policial salferida de humor e con grandes doses de suspense. Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns se achegan coas queixas máis diversas. O seu axudante, Rafael Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos veciños. O caso desenvolverase entre o ambiente cálido e nocturno dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada da alta burguesía viguesa.
Interésache saber algo máis?? Pois....anímate e lea!!! Se queres saber o que opinamos dela bótalle unha ollada ós nosos comentarios.

lunes, 29 de noviembre de 2010

AIRE NEGRO


O libro que lemos neste primeiro trimestre, o alumnado de 3º foi, AIRE NEGRO de Agustín Fernández Paz. Trata do que lle acontece ao psiquiatra, o doutor Moldes, coa súa primeira paciente, Laura Novo. Tres anos despois de ocorridos os feitos, o doutor cóntanos esa experiencia. Imos coñecendo por el e mais pola voz narradora de Laura Novo a historia da aparición da Gran Besta, un ser monstruoso que habita nunha cova. Confírmase así a mitoloxía do lugar, que tan ben coñece un dos traballadores da casa de turismo rural na que se veu hospedar a protagonista. A vinganza pola intromisión nese territorio alleo tronza a nova vida que, coa tranquilidade do espazo idílico e a felicidade do reencontro cun vello amor, busca a noutrora xornalista crítica en Madrid.
Con elementos de novela psicolóxica e de misterio, esta historia de amor imposible é unha auténtica viaxe ao corazón das tebras que transcende as limitacións de idade nas que a sitúa a súa edición nunha colección xuvenil.


viernes, 26 de noviembre de 2010

AS COUSAS CLARAS


En vintecatro horas, a vida pode cambiar de rostro sen previo aviso. Pode pasar de parecer un lugar no que dá gusto estar, a converterse nunha paisaxe entoldada de ameazas e preocupacions. ¿Por qué Mon, o profesor máis popular do instituto, aparece inconsciente case morto, dun día para outro? Ninguén o pode explicar, e ninguén acredita na hipótese dun intento de suicidio. Coa axuda de Afonso, Marga será a encargada de empezar a tirar polo fío dunha historia na que a morte, a violencia, a falta de comunicación, a crueldade e a hipocresía só poden ser superadas con amor.As cousas claras de Xosé A. Neira Cruz mereceu o Premio Merlín de Literatura Infantil, fallado o pasado 24 de xuño de 2000 en Santiago de Compostela. O xurado de lectores apreciou nesta novela, de fasquía claramente xuvenil, unha grande axilidade no tratamento dun tema de actualidade, tanto no que atinxe á voz da narradora, en primeira persoa, como á construcción duns diálogos cheos de frescura e orixinalidade. As cousas claras, ambientada nun instituto de ensino secundario, reconstrúe a indagación que fan un mozo e unha moza sobre o conflicto no que se ve inmerso o seu profesor de literatura, sometido a unha inxusta campaña na súa contra polo tratamento que realiza da educación afectiva e sexual cos seus alumnos.