martes, 29 de marzo de 2011

MORNIG STAR


Nun tempo dominado pola técnica, a velocidade e a eficacia, a beleza é un artificio. Para que algo sexa fermoso ten que ser extraordinario, raro, desmesurado, chamativo ou ferinte, para que non pase desapercibido, e para que fique ceibe da cadea do utilitarismo que inspira a tola productividade que define o noso mundo. Cecais por iso estamos perdendo a capacidade de achegarnos á beleza normal, sinxela, que convive con nós e cos nosos problemas, e que se resume nunha íntima sensación de pracidez. E por iso estamos tan abertos á recepción da fermosura incomprensible e sospeitosa, á que nos chega oficializada en experimentos ou exhibicións intectualizadas e rebuscadas, mentres poñemos en cuarentena todo aquilo que nos entra polos sentidos, sen censuras do cerebro, ata acougar sen enrugas no fondo da nosa alma.

LÚAS DE NÁCARA

O xardineiro Cosme traballa so as lúas de nácara, cando as sombras cobran luz e os amantes soñan con ser camelias e florecer mesmo no inverno. Henrique Bouzas, un emigrante retornado, acode a unha cita nos xardíns do sur para pagar a débeda que o seu avó mantiña cun dos seus familiares. Os refachos de néboa no camiño devolven o amor perdido á peregrina. Víctor, un xove escultor múdase ao Residencial Cero, unha novidosa urbanización de apartamentos sen fiestras nin portas que reúne soidades e constrúe un novo pensamento. Os médicos do servicio de urxencias diagnosticáronlle que o seu corazón fuxira do seu corpo?

A ESMORGA

A esmorga é a novela máis popular e lida de Eduardo Blanco Amor. Tivo que publicarse por vez primeira en Bos Aires ante a negativa da censura franquista a permitir que circulasen libremente as traxicómicas peripecias do Cibrán, o Bocas e o Milhomes nunha noite de bebedela polos arredores de Auria, a cidade literaria coa que Blanco Amor reelaborou desde a distancia o seu Ourense natal. A esmorga é unha novela na que alcanzan especial brillo as virtudes de Blanco Amor como escritor. A súa sorprendente potencia lingüística ponse neste relato ao servizo da narración duns feitos que desembocan en traxedia e que metaforizan un mundo sórdido e miserento do que non están exentos a imaxinación, a fantasía e o devezo dunha vida fermosa e mellor.

jueves, 10 de marzo de 2011

OLLOS DE AUGA

Neste segundo trimestre, os de 3º lemos, OLLOS DE AUGA de Domingo Villar. Unha novela policial salferida de humor e con grandes doses de suspense. Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns se achegan coas queixas máis diversas. O seu axudante, Rafael Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos veciños. O caso desenvolverase entre o ambiente cálido e nocturno dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada da alta burguesía viguesa.
Interésache saber algo máis?? Pois....anímate e lea!!! Se queres saber o que opinamos dela bótalle unha ollada ós nosos comentarios.