lunes, 29 de noviembre de 2010

AIRE NEGRO


O libro que lemos neste primeiro trimestre, o alumnado de 3º foi, AIRE NEGRO de Agustín Fernández Paz. Trata do que lle acontece ao psiquiatra, o doutor Moldes, coa súa primeira paciente, Laura Novo. Tres anos despois de ocorridos os feitos, o doutor cóntanos esa experiencia. Imos coñecendo por el e mais pola voz narradora de Laura Novo a historia da aparición da Gran Besta, un ser monstruoso que habita nunha cova. Confírmase así a mitoloxía do lugar, que tan ben coñece un dos traballadores da casa de turismo rural na que se veu hospedar a protagonista. A vinganza pola intromisión nese territorio alleo tronza a nova vida que, coa tranquilidade do espazo idílico e a felicidade do reencontro cun vello amor, busca a noutrora xornalista crítica en Madrid.
Con elementos de novela psicolóxica e de misterio, esta historia de amor imposible é unha auténtica viaxe ao corazón das tebras que transcende as limitacións de idade nas que a sitúa a súa edición nunha colección xuvenil.


viernes, 26 de noviembre de 2010

AS COUSAS CLARAS


En vintecatro horas, a vida pode cambiar de rostro sen previo aviso. Pode pasar de parecer un lugar no que dá gusto estar, a converterse nunha paisaxe entoldada de ameazas e preocupacions. ¿Por qué Mon, o profesor máis popular do instituto, aparece inconsciente case morto, dun día para outro? Ninguén o pode explicar, e ninguén acredita na hipótese dun intento de suicidio. Coa axuda de Afonso, Marga será a encargada de empezar a tirar polo fío dunha historia na que a morte, a violencia, a falta de comunicación, a crueldade e a hipocresía só poden ser superadas con amor.As cousas claras de Xosé A. Neira Cruz mereceu o Premio Merlín de Literatura Infantil, fallado o pasado 24 de xuño de 2000 en Santiago de Compostela. O xurado de lectores apreciou nesta novela, de fasquía claramente xuvenil, unha grande axilidade no tratamento dun tema de actualidade, tanto no que atinxe á voz da narradora, en primeira persoa, como á construcción duns diálogos cheos de frescura e orixinalidade. As cousas claras, ambientada nun instituto de ensino secundario, reconstrúe a indagación que fan un mozo e unha moza sobre o conflicto no que se ve inmerso o seu profesor de literatura, sometido a unha inxusta campaña na súa contra polo tratamento que realiza da educación afectiva e sexual cos seus alumnos.

En Agosto do 36, Xosé Fernández Ferreiro aborda, con todo o dramatismo que comporta, o tema da guerra civil en Galicia, relatando, a partir dun feito real, o «paseo» do que foi víctima unha parella de mestres rurais nunha aldea da serra de Ourense nos primeiros días do alzamento militar.Coa súa mestría de magnífico narrador, Xosé Fernández Ferreiro conduce con gran axilidade o lector pola trama da novela, e mergúllao nunha atmosfera abafante, de crueza e tensión, na que as paixóns das persoas, con todas as súas vilezas, saen a flote nun contexto en que amor e odio se tocan. A trama váisenos desvelando a partir da concepción polifónica da estructura, que dosifica a intriga e participa desa concepción tan cinematográfica.da narrativa de Ferreiro.Agosto do 36 é unha pequena xoia que continúa vixente e vivísima unha década despois da súa publicación.

jueves, 25 de noviembre de 2010

GALVÁN EN SAOR


O señor Galván, príncipe das terras do norte, compañeiro de Artur nos reinos da Bretaña, viaxa máis alá da xeografía e do tempo e, como aquel Merlín de Cunqueiro, aparece entre nós, pois é acaso o destino de todos aqueles señores e cabaleiros do Graal e das antigas fazañas. Novela de humor e de amor, de aventuras e de tenrura, homenaxe ós antigos mesteres da narrativa cabaleiresca e medieval que o autor tan ben coñece, traductor de Dante 'A divina comedia' e de Petrarca 'Cancioneiro' entre outros textos. A palabra na súa medida xusta, o idioma en todo o seu frescor e galanura, a imaxe lírica ben medida para que non apague a historia senón que a potencie e enleve. Estas son as artes e as sabedurías de Darío Xohán Cabana.